Thursday 16 de May de 2024

Os participantes no curso de verán “Traballando en lingua no lecer” apelan ao activismo a prol do uso do galego no lecer


Medio cento de persoas participaron no intenso curso sobre dinamización lingüística organizado pola UDC coa colaboración do Concello de Carballo

                                                                                                  

Carballo converteuse esta semana nun centro de reflexión colectiva sobre a saúde do noso idioma. Os días 12 e 13 celebrouse no Fórum a décimo sexta edición do Curso de Verán sobre Dinamización Lingüística, organizado pola Universidade da Coruña coa colaboración do Concello, e que desta vez centrouse en traballar en lingua no ámbito do lecer.

A maior parte das persoas participantes proviñan da universidade, dos centros educativos e dos servizos de normalización lingüística, e todas elas puideron recoller dunha maneira activa as propostas e os coñecementos para aproveitaren nos seus traballos.

Do mundo do asociacionismo viron a cantidade de actividades posibles con que se pode fomentar a lingua (teatro, viaxes, radio, espazos para crear ferramentas de transformación, rutas guiadas…), mais tamén se decataron de que moitas administracións públicas non lles facilitan os textos en galego tal como establece a Lei de normalización lingüística.

No ámbito dos xogos, segundo expresou Marcos Maceira, da Mesa pola Normalización Lingüística, quedou claro que a lingua galega precisa dun nivel alto de activismo no mundo asociativo, por exemplo, para poder dispoñer de moitas alternativas de calidade.

En relación cos centros escolares, verificouse, tal como expuxo Miguel Rodríguez Carnota, que a contorna escolar non é favorable para o alumnado galego falante, polo que este colectivo ten moito por traballar e unha responsabilidade moi grande con respecto á lingua propia de aquí.

Con respecto ao entretemento, en todo momento quedou patente que o galego ten suficiente léxico para crear videoxogos e contidos interactivos, xogos de palabras como o Pensatermos ou os pasatempos que realiza Xoán Costa en publicacións como A píllara das dunas do Concello de Carballo, que inclúe desde os tradicionais encrucillados ou sopas de letras ata xogos totalmente innovadores como a vira pedras ou as illas e pontes. Este autor adiantou en primicia que se vai publicar este verán a revista de pasatempos A formiga no carreiro, desde o 25 de xullo.

Ao persoal dos servizos de normalización aféctalle principalmente a necesidade, que se transmitiu desde o terreo deportivo, de adaptar a música galega con soportes musicais para poder utilizala nas actividades deportivas e de crear espazos e tempos de xogo en galego.

Ademais dos relatorios houbo varios obradoiros que permitiron aprender diferentes metodoloxías para achegarlles a lingua, a través do xogo, á mocidade, á infancia… na concienciación ambiental, na aprendizaxe escolar, no eido tradicional, nos espazos de lecer… E da man de Isabel Risco aprendeuse que co humor tamén se pode traballar a favor da calidade da lingua.